domingo, 6 de abril de 2014

Un cabelo na cama

Que era un cabelo sobre a cama? Podía ser un recordo pasado, o comezo dunha historia, un erro ou un mero divertimento. O significado que para el tiña aquel cabelo louro non estaba moi claro. Mirábao e recordaba aquela noite. Cos recordos sentía de novo o tacto da súa pel, branca e suave coma a seda, que cubría un corpo fino e delicado; como se de cristal fora. Aquelas imaxes, fotogramas dunha película con final aberto e da cal aínda tiña que escribir o seu desenlace, asaltaban á súa memoria e se paseaban diante dos seus ollos. O sabor dos seus beizos e do seu corpo seguían presentes e dificilmente podíaos esquecer.  

Sentado naquela cama recordaba a mirada que lle botara ao marchar. Nin tan sequera a acompañou a porta, pois ela ben debía saber cal era o seu sitio. Ela era outra máis nunha lista que non podía deixar de medrar ao tempo que medraba nel un sentimento de soidade e abandono.

Case podía percibir o recendo que quedara nas sabas. O mesmo que lle traía diante a imaxe da súa face. Un rostro dominado por un ollar enigmático e á vez tenro que non acadaba a comprender. Que había tras ese ollar estraño que nun mesmo instante lle mostrara paixón e sensualidade, pero tamén dozura e astucia? Estraño o que aquela muller era capaz de ensinar, pois aquela astucia deixaba ver que fora el o auténtico xoguete rendido ante unha superioridade indescritíbel para seu entendemento. A razón, que non tiña por costume empregar, non lle permitía chegar a saber se fora ela a conquistada ou a conquistadora. Pero os feitos só mostraban a un rapaz sentado nunha cama recordando unha noite por un cabelo capaz de facer xurdir diferentes e contrapostas emocións. Un cabelo que lle recordaba un ollar que naquel momento lle facía sentir coma un neno ao cal se lle rompera o seu xoguete favorito, as mulleres; pois acababa de namorarse dunha.