domingo, 4 de mayo de 2014

Soñando esperto

Ao longo da vida hai varios momentos nos que un ten que revisar os días, meses ou anos pasados. Pode ser nunha mala semana na que non sabes por que non sae nada ben, ou despois dunha boa época de exames na que decides apuntar todo ese traballo ben feito e tomar boa nota para o futuro.

O feito é que ao rematar a carreira chega un deses momentos. Nunca sabes cando vai chegar. Pode ser que esteas a ver a tele no sofá tranquilamente cando te decatas do que realmente está a acontecer e como a vida pasa diante dos teus ollos sen que ti chegues realmente a collela. Tamén é posíbel que sexa durante unha viaxe no coche, no tren ou no bus, volvendo a casa despois de facer algún recado. Nunca se sabe. Pero cando chega sábese ben.

Estás tranquilamente a lavar os dentes, cando te miras no espello. A face que estás a ver é a túa catro anos despois de empezar todo aquilo, e recordas as expectativas que tiñas antes de chegar. Máis aínda, recordas naquilo no que te querías converter. O que tiñas pensado ser... é dicir, o que non es.


Pensas no teu pasado, coma se tiveras algún, e no que eras. Podes pensar que antes fuches mellor. Case podes crer que fuches alguén. Sen embargo, non. Quizais fuches unha boa promesa que non se chegou a cumprir. Mais  tampouco. Só fuches un simple suspiro do teu propio ego, dos teus soños e crenzas. Unha fantasía que nunca se tivo por ver cumprida. E así, reflectido no espello dun baño mal iluminado é onde espertas dun longo soño ao que volverás dentro de pouco tempo. Pois ao final, todo ese tempo que pasas crendo que vives non é máis ca un soño, do que ás veces podes espertar uns minutos.