miércoles, 3 de septiembre de 2014

Unha venda nos ollos

Mentres estaba a durmir, a música soaba envolvendo o ambiente cunha calidez inusual. O verán estaba a piques de rematar, e a pesares diso a calor era insoportábel. Sen embargo, mentres estaba tirado nunha cama desfeita e cheirante a humanidade o rapaz escoitaba a música que soaba. Cada nota harmonizaba o ambiente cun son peculiar. Alí tirado, en roupa interior sufrindo unha terríbel calor de setembro a melodía de O Fortuna, da ópera de Carmina Burana, estábao a transportar a un lugar moi distante.

Non comprendía a letra da canción pero iso pouco importaba. O peito tremía coa melodía e a súa mente viaxaba  a outro lugar. O seu futuro. Poucas veces un decátase da realidade que o rodea. En momentos tan particulares, deprimentes e íntimos é cando un abre os allos ás responsabilidades que leva tempo escondendo no máis fondo da súa mente. Neste futuro, o rapaz comezaba a ver os froitos dos últimos anos da súa vida. Froitos podres coma consecuencia dun tempo desbotado e perdido no que non medrou que rematou nesa situación de apatía lamentábel.

A pingas de suor esvaraban pola súas costas e a respiración tornábase máis agonizante a cada minuto. A música seguía a soar pero cada vez máis lonxe. O ollos do rapaz estábanse a pechar e, mentres o seu corpo parecía máis disposto a entregarse aos brazos de Morfeo, a mente volvíase máis activa recordando cada unha das situación que o levou hasta aí. Non fora un, nin dous, nin tres... moitos intres e vivencias que cambiaron o seu ser ata convertelo nunha involución da súa imaxe, nun primate de cara un home, envilecido polo vicio e o pecado. Marcado polas sinais da covardía, cinismo e pereza. Unha covardía que lle impediu afrontar os momentos de cambio, onde todos os seu semellantes avanzaran. Un cinismo que contaminara o seu maxín e o seu idealismo. E unha pereza que condenou a vagar pola inopia e a incultura máis coma  unha caricatura do seu antigo eu pero dominada pola soberbia.


Cantos pasos  o achegaran ao precipicio sen tan se quera decatarse. Cunha venda nos ollos e sen a forza de quitala, preferiu seguir un camiño escuro e baleiro pola comodidade de non se ter que esforzar en ver e pensar no que o estaba a rodear. Agora, alí tirado, a venda caera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario