Ás veces, a limpeza dun armario vai moito máis aló do que parece. Cando
abría a porta non era consciente de que esa porta podía levalo máis lonxe que
calquera outra, pero cara atrás. Descoñecía o que podía atopar baixo a roupa
vella ou detrás dun libro de historia. Mentres sacaba cousas vellas cun cheiro
a humidade atopou a vella caixa dun teléfono móbil. Xa pasaran 7 anos dende que
ese móbil fora usado por última vez.
Con curiosidade decidiu acendelo para coñecer o seu contido. Tiña esquecido
que podería ter dentro. Dende fotos ou mensaxes, quen saben se comprometedoras,
tanto súas como de amigos; o que podía atopar lle resultaba totalmente alleo.
O PIN non cambiara. Nese sentido, todo seguía coma sempre. Sen embargo, a
primeira imaxe que viu na pantalla, cunha data
que parecera deterse anos atrás fíxolle tremer o pulso. Unha rapaza
aparecía nesa diminuta pantalla de plástico. Cun ollar inocente e inxenuo,
miraba a quen lle estaba a sacar a foto. Case espida por dentro a través dos
seus grandes ollos color abelá. A foto fora tomada nunha parada de bus nun día
soleado. De feito polo fondo estábase a ver un ceo alaranxado e algunha nube
que tentaba imporse por diante, na que parecía unha bonita tarde de primavera
ou verán. Aquela tarde eles dous estiveran xuntos como tantas outras. Ata que
todo acabou por rematar e os seu camiños os separaran por persoas alleas a eles
capaces de ditar o futuro duns rapaces de 15 anos.
Ao ler as mensaxes gardadas na memoria do teléfono non entendía como podían
ter un contido tan íntimo. Tanto a rapaza da imaxe coma amigos seus lle
enviaran algúns dos seus pensamentos máis íntimos e persoais. Con todo, os máis
especiais eran os de ela. Escritos que reflectían a inocencia dunha idade ao
pensar nun futuro máis benevolente para ambos. Frases que denotaban rebeldía e
inconformismo ou máis ben as aspiracións irreais dunha parella de rapaces que
non poden estar xuntos.
A quen si que non puido recoñecer foi a el mesmo. Tales declaracións
escritas con tan só 100 carácteres e de forma tan íntima eran algo alleo para
el. En que estivera pensado? E se a rapaza lle ensinaba iso a alguén? Ás
amigas, aos mozos posteriores, ou a quen fora. Por que escribiu tal cousa?
Coitado rapaz...
De verdade algunha vez foi así? Cando acendía o seu actual móbil non tiña
outra imaxe ca unha cidade morta e gris en ruínas. Unha arrepiante imaxe de
Saraxevo durante a Guerra de Iugoslavia. Parecíalle algo máis elevado ca unha
fotografía mal tomada. As mensaxes que podía ler agora, eran moitas máis. Sen
embargo, por moitas máis posibilidades que tivera para escribirlle a alguén non
chegaba a atopar unha soa mensaxe ou indicio de que a el lle importaba
alguén... ou tan sequera de que outro pensara nel.
Pasaran 7 anos entre un terminal e outro. O vello teléfono estaba
desgastado, con marcas de golpes. Música de dubidosa calidade e sen nada
interesante. O máis novo estaba cheo de aplicacións onde podía consultar as
súas lecturas en numerosas publicacións culturais, redes sociais e escoitar
música de gran calidade e variedade. Pero case parecía que no máis novo non
había un só rastro de que lle importara a alguén. Que fixera nese tempo? Como
puido pasar dun lado ao outro? Nun extremo, un rapaz feliz e capaz de
converterse en confidente dos seus amigos e incluso de amar a alguén. Pois, por
moito que fora un amor adolescente, que amor pode haber máis inocente ca ese?
Tales eran as preguntas que lle ocupaban a súa mente. Pero ao final, no momento
no que foi consciente da primeira impresión que lle causara ver o seu vello
terminal, aquela foto e aquelas mensaxes, tivo a resposta que precisaba.
Convertérase nun home, pero nun home dominado e ausente de si mesmo. Alguén
que podía pasar camiñar un día enteiro pola rúa sen que ninguén se decatara de
que estaba alí ou se desaparecía. Unha sombra sen lazos íntimos que afogou a
aquel adolescente entre o “que dirán” e a desconfianza cara os demais.
Moitas rapazas pasaran dende aquela. Que como unha estrala fugaz pasara
pola súa vida. De maneira tan rápida e intensa que o pouco tempo que estivo
presente foi capaz de iluminalo todo e xerar a ilusión de infinitos desexos.
Pero ao desaparecer só deixou a máis absoluta escuridade e tebras que xa non
volveran a ver a luz.
Alí quedara ese rapaz. Cegado pola luz dunha estrela fugaz que vagaba nun
deserto no que el mesmo quixo perderse.
Ao tanto que estaba sentado nada cama, recordando todo o que cambiara,
desde o seu cuarto ata el mesmo, soou o móbil. Era unha rapaza. Coñecéraa vai
tempo. Alguén que ao principio podía ser outra persoa máis que cruzaba coa súa
sombra nesa rúa na que non lle importaba a alguén. Aínda que esta rapaza
semellaba que o estaba a perseguir por aquela rúa escura, onde el só conseguía
levala ao máis profundo das tebras daquel camiño que comezara no pasado.
Quen sabía, ás veces canto máis escuro está todo máis sinxelo lle é brillar
a unha pequena luz. Pero onde estaba estaba esa luz? A rapaza tiña un ollar que
o cativara. Delicado e fino, pero cunha luz que parecía ser unha porta para
saír das tebras. Unha luz pequena, tímida e fráxil. Pero, que naquela escuridade podía brillar coma unha estrela. Agora tocaba pedir un desexo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario